A instalación dun sistema de válvulas regulará a presión do gas no Carballiño

A empresa Gas Natural comezou a instalación dun sistema de válvulas reguladoras da presión do combustible no casco urbán do Carballiño, concretamente nos calexóns adxacentes á céntrica Rúa do Paseo. As obras, que comezaron na pasada semana, espertaron certo temor entre os veciños e comerciantes das rúas afectadas, e por elo solicitaron unha entrevista co concelleiro delegado desta área, o socialista Edelmiro Mateo.
A xuntanza desenvolveuse onte na sala telemática da Casa do Concello, e a ela asistiron 20 persoas, o propio edil e técnicos da compañía instaladora. Istes explicaron que o obxectivo destes traballos ‘é eliminar as impurezas que chegan pola canalización principal e regular a presión do gas para ser distribuido por toda a zona’. Ademais, aseguraron que ‘iste sistema non supón ningún tipo de perigo, xa que conta con tódalas medidas de seguridade e legais esixidas pola lexislación vixente’.

Os veciños afectados preguntaron ós técnicos pola posibilidade de ubicación dun depósito, tal e como semella a excavación feita na Rúa do Paseo, pero os representantes de Gas Natural respostaron que ‘unicamente se trata dunha caixa oca con válvulas e canalizacións, semellante ás instaladas noutras cidades e vilas que dispoñen de redes para a canalización deste combustible’.



Te puede interesar