Naturgy amplía as servidumes en Boborás para reducir averías

A alcaldesa, Patricia Torres, informou á subministradora sobre as molestias ocasionadas polos últimos cortes

A alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, reuniuse onte co delegado de UFD, distribuidora de Naturgy en Ourense e Lugo, Emilio Castro, que asistiu acompañado de Manuel López, responsable do Centro de Operacións de Ourense, para falar ao respecto das incidencias no subministro eléctrico ocorridas os pasados 26 e 27 de novembro e que deixaron sen luz a 834 abonados. Co fin de evitar novas incidencias na rede de media tensión, a empresa subministradora propúxolle á alcaldesa a opción de ampliar as servidumes existentes, polo que solicitou a colaboración do concello para poder localizar aos titulares dos terreos co fin de chegar a un acordo con eles e deste xeito, poder ter limpa unha zona máis ampla minimizando o risco de caída de árbores, petición á que a alcaldesa mostrou a súa total colaboración. 

Patricia Torres explicou as molestias ocasionadas pola falta de subministro eléctrico no centro educativo, entidade bancaria, carnicerías, farmacia e o propio concello, así como o fogar residencial de maiores ademais doutros negocios do municipio, ao igual que a veciñanza. O delegado de UFD entendeu o malestar tanto da rexedora como dos numerosos afectados, e comprometeuse a revisar as incidencias diarias. Tanto Torres como Castro acordaron establecer un nexo de comunicación fluída no relativo a futuras avarias ou incidencias para evitar a incerteza creada nesta ocasión, así como a procura de horarios menos conflitivos á hora de resolvelas.

Te puede interesar