Uns 200 comensais degustaron tamén polbo e empanada na festa gastronómica de Mosteiro de Lobás

Ovos fritidos á sombra

Pascal Lange proba un par de ovos fritidos. (Foto: Xesús Fariñas)
A localidade de Mosteiro de Lobás, en Carballiño, acolleu onte a terceira edición da ‘Festa do Ovo Fritido’, unha cita á que acudiron 200 persoas. O menú ampliouse iste ano con empanada de carne e polbo, ó abeiro das sombras das árbores.
Unha misa na igrexa románica de San Pedro de Lobás abriu o programa da ‘Festa do Ovo Fritido’, que por terceiro ano consecutivo organizou a asociación cultural Orde dos Cabaleiros do Mosteiro nesta localidade carballiñesa que garda un rico patrimonio histórico, artístico e etnográfico da Idade Media.

Os máis de 30 graos centígrados de temperatura ó sol non supuxeron ningún atranco para as 200 persoas que se achegaron ata Mosteiro -a catro quilómetros do Carballiñopara participar na xuntanza gastronómica, xa que a organización decidiu trasladar o xantar a finca rural ‘Casa Parriela’, onde a sombra das árbores é suficiente para non ter que recurrir as molestas carpas. O xantar comezou ás 14.30 horas cun menú composto por empanada, polbo ‘á feira’, ovos fritidos con patacas e chourizos á brasa, pan, viños brancos e tintos de O Ribeiro, bica, café e licores, coa actuación dunha charanga que aportou a Deputación de Ourense.

Afluencia


A elaboración dos platos correu a cargo nesta ocasión do cociñeiro francés Pascal Lange, que xunto coa súa dona, Manuela Martínez, rexenta a casa rural de Mosteiro, aínda que foi determinante a axuda das familias da mesma aldea e dos hosteleiros María Luz Rodríguez e Víctor Vázquez. ‘A nosa impresión é que a afluencia de xente baixou un pouco con respecto ó ano pasado, tendo en conta que moitos veciños da comarca se desplazaron a pasar a fin de semana á praia’, sinalaron.

Entre os comensais atopabánse o responsable municipal de Turismo, Manuel Dacal; o voceiro do PP na Corporación, Argimiro Marnotes, e os seus compañeiros de grupo Emilio García e Pilar Caride, ademais de empresarios carballiñeses como Cándido Sánchez ou Camilo Figueiredo, entre outros. Tamén se notou a presencia de integrantes do grupo cultural ‘Os Serandeiros’, de Boborás, que amenizaron a velada con cantigas populares ó son da gaita.

Te puede interesar