O presidente veciñal de Partovia deixa o posto tras 13 anos e convoca eleccións

Os veciños da parroquia carballiñesa de Santiago de Partovia están convocados hoxe a unha asamblea xeral para a elección dunha nova xunta directiva, tra-la renuncia do que foi o seu presidente dende hai 13 anos, Julio Rodríguez.
O dirixente veciñal sinalou onte que ’xa tiña que haber deixado o posto hai tempo, pero o problema é que ninguén se quería facer cargo e agora parece que vou ter relevo, aínda que haberá que esperar a decisión dos veciños’.

Julio Rodríguez, de 58 anos e xerente dun taller mecánico, foi un dos fundadores do colectivo no ano 1989, no que estivo 19 anos en postos de directivo. Da súa traxectoria, destaca que ’o meu logro meirande foi o de unir a tódolos veciños da parroquia ó integrarse na nosa a outra asociación existente, As Cavadas, un feito que se conqueriu no 1999’. As reivindicacións veciñais tamén tiveron resposta coa construcción da ponte do Eixo do Ribeiro sobre a antiga estrada a Ribadavia, ’e a contribución da entidade á supresión do perímetro de protección solicitado polos propietarios do balneario de As Caldas’, lembra Julio Rodríguez.

Saneamento

’Retírome con algo de pena, pero iso non quere dicir que siga apoiando á nova presidencia e colaborando coa asociación, porque o máis importante non é figurar senón comprometerse coas necesidades do pobo’, engade o ex presidente. Julio Rodríguez apunta que ’aínda queda por ver se o proxecto máis importante polo que levamos loitado, que é o saneamento do río Carrás, chega a bó fin, e tamén o remate do Camiño dos Arrieiros’. Iste veciño da aldea de O Penedo convocou para as 16,30 horas a reunión na que se votará un novo presidente -ou presidentae na que poden participar os 170 asociados da parroquia. ’Coincidindo coa xuntanza, temos previsto agasallar cunha merenda a tódalas persoas que queiran asistir, aínda que non sexan socios’.

Te puede interesar