Os propietarios de Lobás reciben as súas terras concentradas

O proceso de concentración parcelaria na parroquia carballiñesa de Santa Uxía de Lobás rematará o vindeiro luns coa entrega das escrituras de propiedade ós veciños, un acto que se desenvolverá na sede social da localidade de Costoia. Con este acto rematan 17 anos de trámites, xa que foi no 1993 cando o Concello do Carballiño comezou a recoller sinaturas entre os propietarios de terras de Lobás para acometer a concentración.
A Consellería de Agricultura (agora de Medio Rural) realizou traballos de limpeza, delimitación de fincas e apertura de viales, ata conquerir unha superficie de 260 hectáreas (2.600.000 metros cadrados) distribuidos en 883 parcelas. Delas, 825 corresponden a propiedades particulares (250 hectáreas) e outras 58 parcelas (10 hectáreas) son de titularidade comunal.


CONVOCATORIA

O presidente da asociación de veciños de Santa Uxía de Lobás, Eugenio Fernández, amosou a súa satisfacción, 'xa que a concentración parcelaria era un obxectivo que nos marcamos hai moitos anos e que por fin chegou a bó fin'. Os propietarios da parroquia foron convocados pola Xefatura Territorial de Medio Rural para a entrega dos títulos de propiedade na xornada do vindeiro 10 de xaneiro. O promotor do proxecto foi o ex-alcalde Argimiro Marnotes Rodríguez, pai do actual voceiro dos 'populares' na Corporación carballiñesa.

Te puede interesar