O PSdeG pide ó Concello axudas para o repago de medicamentos

O grupo municipal socialista do Carballiño presentou no rexistro do Concello unha moción destinada a que se paralice a aplicación en Galicia da resolución do 10 de setembro pola que o Partido Popular implanta o repago na dispensación ambulatoria e hospitalaria de medicamentos indicados para tratamento de graves patoloxías e doenzas crónicas. A través de dita moción, este grupo da oposición insta ó goberno municipal do PP, que preside Argimiro Marnotes, a que solicite do Goberno galego, a paralización desta resolución.
Así mesmo, engade o grupo municipal do PSdeG que 'solicitamos deste Goberno municipal que, no caso de que non se paralice a súa aplicación, se comprometa a axudar e colaborar no pago destes medicamentos destinados a doenzas crónicas que afecten a veciños do Carballiño'.

Nese senso, os socialistas recórdanlle o Goberno local que outros concellos tamén gobernados polo PP anunciaron ese tipo de axudas.

Por ese motivo, piden na moción que se faga o mesmo no Carballiño 'como así mesmo se comprometeron noutros concellos gobernados polo mesmo signo político'.

Este grupo municipal espera que a moción sexa debatida nun próximo pleno e que conte co respaldo de toda a Corporación para dirixirse á Xunta e para tomar medidas que axuden a paliar o gasto dos afectados deste municipio.

Te puede interesar