A reforma do pazo de Moldes, en Boborás, revaloriza o legado de Antón Losada

A Xunta executou melloras na que foi vivenda do autor galeguista por un importe de 47.000 euros

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou este venres o Pazo de Moldes, en Boborás, para ver os resultados das obras realizadas no que foi a casa natal de Antón Losada Diéguez, que vén de ser reformado e acondicionado co apoio da Xunta. 

En virtude dun convenio coa Fundación Losada Diéguez, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegou 47.000 euros para un proxecto que, como indicou, “mellorará a experiencia de visita e reforzará a divulgación do legado do autor ourensán”.
En concreto, actuouse sobre os accesos ao reconstruír un muro de mampostería nunha parcela lindeira e rehabilitouse a cubrición do soportal de entrada ao pazo. Ademais, realizouse unha análise, rehabilitación e consolidación da estrutura do forxado da planta baixa da vivenda e levouse a cabo unha reparación puntual na lareira.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con esta colaboración, a Xunta “dá resposta ao seu compromiso por manter viva a traxectoria
dos nosos autores e da nosa literatura a través dunha rede museística sólida e xenuína así como fomentando as actividades que permitan estender o seu traballo ás novas xeracións”.

Neste pazo celébrase o acto de entrega do Premio Antón Losada Diéguez, que organizan os concellos do Carballiño e Boborás, contando coa Deputación. O premio ten dúas modalidades, a Literaria e de Investigación e Ensaio.

Te puede interesar