Un roteiro dará a coñecer o Camiño Miñoto no municipio

Un tramo do Camiño Miñoto Ribeiro, en Carballiño.
photo_camera Un tramo do Camiño Miñoto Ribeiro, en Carballiño.

A Concellería de Medio Rural do Carballiño programa o primeiro roteiro guiado de senderismo seguindo o percorrido do Camiño Miñoto Ribeiro neste municipio, despois de culminar o seu acondicionamento. A concelleira, Rosa Fuentes, contará con expertos do Centro de Estudios Chamoso Lamas para desenvolver a andaina guiada, cuxa data dará a coñecer en próximos días. 

O obxectivo princial é a posta en valor deste trazado que ten un gran interese cultural, natural e histórico, e sobre todo de cara ao próximo ano Xacobeo 2021, no que se espera que o Camiño Miñoto Ribeiro sexa declarado de interese cultural, como paso previo para a consecución da súa inclusión como Camiño Xacobeo. 

Asimesmo, esta concellería procederá á reposición e nova sinalización para o cal xa están encargados os paneis informativos correspondentes.
Este roteiro forma parte dun dos numerosos trazados empregados desde a Idade Media polos peregrinos portugueses, especialmente do norte dese país, que se dirixían a Santiado de Compostela.

O tramo do Carballiño comeza en Fonte Antiga e segue ata a aldea hoxe abandonada do Barón Pequeno, continúa preto da igrexa parroquial de Santa Baia de Banga. Prosegue por un fermoso camiño de terra ata chegar ás aldeas de Cima de Vila e Quintela. Despois segue en descenso entre monumentais muros e socalcos de viñas, hoxe abandonadas para chegar ata a Ponte do Santo Sepulcro, xa en Pazos de Arenteiro (Boborás), de orixe medieval.

Te puede interesar