Maside

San Miguel de Armeses contará co seu primeiro saneamento

"O obxectivo fundamental desta obra é mellorar a calidade de vida neste núcleo do rural", sinala o rexedor

O alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, vén de asinar coa Consellería de Medio Rural, dentro do Plan de Obras de Infraestruturas no Medio Rural, un convenio que vai permitir dotar ao núcleo de San Miguel de Armeses da rede de saneamento e mellorar o seu acceso.

"O obxectivo fundamental desta obra é mellorar a calidade de vida neste núcleo do rural masidao dotándoo dun servizo e dunhas infraestruturas básicas", segundo sinala o rexedor. O orzamento do proxecto é de 47.961 euros, IVE incluído, e o prazo de execución está fixado en dous meses.

San Miguel de Armeses é o único núcleo, dos 68 con que conta o Concello de Maside, que carece de infraestrutura pública de saneamento, recorrendo ata agora os seus habitantes a fosas individuais. 

Por este motivo, "preténdese executar a rede principal de saneamento de dita localidade, incluíndo as canalizacións, elementos vinculados e unha fosa séptica con filtro", matiza José Manuel Iglesias.

Doutra banda, tamén está prevista a mellora do camino rural que accede a Armeses desde o núcleo de A Touza, mediante un bacheo previo onde sexa necesario e a renovación do firme asfáltico coa aplicación dun tratamento de dobre rega.

Con estas obras, Iglesias considera que se cubren as prioridades desta localidade.

Te puede interesar