Luis Tosar protagoniza a historia real dun fuxido da Guerra Civil que traballou de criado en Boborás

O ‘Siñor Afranio’ voltou a Moreiras

Luis Tosar, Luis Araújo e o director, Víctor Coyote, nos ensaios da rodaxe. (Foto: Martiño Pinal)
A rodaxe do documental ‘Afranio’ encol da historia de Antón Alonso Ríos, un republicano fuxido en 1936, chegou onte a Moreiras, unha aldea de Boborás. A mesma onde estivo agochado un ano como criado antes de exiliarse en Arxentina.
Un aldraxoso mendigo, cunha barba de varias semans e unha vella chaqueta negra e un pantalón de pana, calzado con zapatos de coiro e cuberto cun amplio chapeu, baixa por un sendeiro que comunica a aldea de Moreiras coas leiras do entorno. De súpeto, un home de media idade e vestido de paisano que pedalea nunha bicicleta, ponse á súa altura e espétalle: ‘¡Queda usted detenido! Haga el favor de dar la vuelta y caminar delante mía!’.

O mendigo é o ‘Siñor Afranio’, a identidade que adoptou no 1936 o deputado Antón Hipólito Alonso Ríos, da Frente Popular, cando fuxiu do golpe de Estado promovido pola oposición política á Segunda República e que derivou na Guerra Civil española. A escea desenvolvíase onte como parte dos ensaios do documental que o artista Víctor Coyote dirixe para a Televisión de Galicia, co recoñecido actor Luís Tosar no papel de Alonso Ríos.

Agochado

Un equipo de técnico integrado por 15 persoas e outro artístico de 20 desprazouse onte ata Moreiras, localidade do municipio de Boborás, para a gravación de exteriores do documental producido por Alén Filmes. Os seis veciños do pobo estiveron ó longo da xornada atentos a prestar a súa axuda, entre eles Xoán Xosé Álvarez, ‘xa que foi na vivenda do meu avó, Ramón Lavandeira, onde estivo agochado Antón Alonso como criado dende xullo de 1937 a xullo de 1938’. O señor Afranio participaba nas tarefas cotiás de ir co gando, castra-las colmeas de abellas e recoller leña no monte, ‘e a miña avoa contaba que era moi bó home e sempre o lembramos con moito cariño’.

Un axente co antigo uniforme da Garda Civil, un taberneiro, mozas, mozos e rapaces integran o elenco de secundarios e figurantes na rodaxe do documental. Álvarez lembra, como direigutivo do Centro de Estudios Chamoso Lamas e do grupo ecoloxista Outeiro, que ‘fixemos un traballo de investigación encol da figura do Afranio, ó igual que outras asociacións que participan no proxecto a nivel galego e portugués’.

Unha traxectoria de tres anos entre Galicia e Portugal

María Domínguez, da productora Alén Filmes, sinala que ‘na rodaxe participan un total de 60 persoas entre actores principais e secundarios e un equipo técnico de 15 persoas, para a rodaxe dun documental de 50 minutos de duración’. A fuxida de Antón Alonso, que adoptou a personalidade de ‘Afranio de Amaral’ -nome dun naturalista brasileiropara escapar da represión franquista e falanxista, levou ó deputado socialista a percorrer a meirande parte de Galicia e o norte de Portugal.

Neste senso, o itinerario da rodaxe de exteriores ‘é moi extenso, xa que estivemos, entre outras localidades, en Tomiño, Forcarei, Tui, Torroño e Budiño, e hoxe fixamos esta xornada aquí, en Moreiras, para logo facer unha gravación nas pontes do Viñao en Brués, tamén no municipio de Boborás’.

O elenco artístico e técnico desplázase hoxe ata la zona de Castro Leboreiro, en Portugal, onde Alonso Ríos rematou definitivamente a súa fuxida pero agochándose nunha cova da Serra da Peneda-Xurés, antes de viaxar ata Bós Aires. O director, Víctor Coyote, apunta que ‘o documental ten unha estructura de road-movie, de walk-movie, máis ben, xa que segue o itinerario de Afranio, ó traverso de reconstruccións e entrevistas’.




Te puede interesar