Uns dentes de ida e volta

Pascal e Víctor posan coa dentadura postiza nun plato. (Foto: MARTIÑO PINAL)
Un hosteleiro do Carballiño buscou un cliente ó que se lle caeu unha dentadura postiza no prato cando xantaba unha ración de pulpo. Os dentes foron recuperados e o seu propietario localizado, aínda que debe recollelos.
Sucedeu o pasado luns, nun local de hostelería do Carballiño. Unha historia que por unha banda semella graciosa pero que tamén ofrece certos tintes dramáticos. Un cliente entrou na tapería 'O Pipote', na rúa Curros Enríquez da vila, sentouse nunha mesa e pediu unha ración de pulpo con pan e unha botella de viño tinto. Eran as 14,00 horas e o xerente do establecemento, Víctor Fernández, serviulle a consumición e desexoulle un bó proveito.

O comensal, duns 60 anos de idade, presentaba un aspecto desaliñado e un máis que probable exceso na inxesta anterior de bebidas alcohólicas. Tras lanzar algún improperio encol das talladas do cefalópodo, abonou a conta e marchouse. A cociñeira do local, Mari Luz Rodríguez, recolleu a mesa e depositou os restos do xantar nunha bolsa de desperdicios, que o martes foron enviados á localidade de Mosteiro, concretamente á 'Casa Parriela', unha vivenda adicada ó turismo rural.

O responsable desta finca, Pascal Lange, baleirou a bolsa para dar o xantar a uns cans que posúe no recinto, e viu entre os restos unha dentadura postiza. Ó comprobar que procedían de 'O Pipote', avisou ós donos da tapería e procedeu ó lavado e secado da estructura dental, que logo gardou nunha bolsa que el mesmo trasladou onte ata Carballiño.

'Ó final démonos conta de que ó home que veu o luns caeulle a dentadura no prato, e nós recollemos os restos da comida sen percatarnos do que sucedera', sinala Víctor Fernández. E engade que, aparte do anecdótico deste caso, 'a nós preocupounos máis a situación deste cliente, que cecais debido ó seu estado de saúde non se percatou de que perdera os dentes, que a nivel de implantación na boca supoñen un gasto moi elevado, que pode acadar un mínimo de 2.500 euros'.

Tra-las indagacións feitas polos propios hosteleiros, conqueriron averiguar que o cliente non é habitual na vila, se ben responde ó nome de Manolo Ledo, veciño da localidade de Vilachá, no municipio de Boborás. 'Chamámolo por teléfono ó seu domicilio e preguntámoslle se estivera no Carballiño o pasado luns', comenta Mari Luz Rodríguez. Engade que esta persoa respondeu que 'se deixara os dentes, e que viría buscalos a vindeira semana'.

Te puede interesar