Seis veciños de Piñor deixan de fumar logo de asistir a sesións terapéuticas

A primeira edición do ‘Programa para deixar de fumar’ que se veu desenvolvendo dende o pasado 16 de abril e durante seis semanas en Piñor rematou onte con notable éxito. Un total de oito persoas do municipio participou nas sesións de apoio grupais impartidas pola psicóloga e educadora do Concello, ‘de xeito que ó longo do proceso tiveron que ir propoñéndose pequenas metas terapéuticas, para conquerir a conducta desexada, que é deixar de fumar’, sinala o alcalde, Francisco Xosé Fraga.
Os resultados foron moi gratificantes, ‘pois dos oito participantes, seis abandoaron o vicio do tabaco, mentres os dous restantes, aínda que non o deixaron totalmente si que acadaronu progresos moi importantes’. Concretamente, estes dous veciños acadaron reduccións de ata un 70% no número de cigarrillos diarios, ‘e nestes casos seguirase ofrecendo asesoramento individualizado por parte da psicóloga para poder iniciar o proceso de abandono nas vindeiras semanas’.

Camiño longo Ademais de contar co apoio psicolóxico, ós inscritos neste programa facilitábaselle todo tipo de material informativo sobre os efectos do tabaco, así como das estratexias que podían poñer en marcha para cambiar os hábitos e prever a síndrome de abstinencia, entre outras. Francisco Xosé Fraga indica que ‘ o proceso non remata aquí, pois o esencial é que a partir deste momento estas oito persoas manteñan a extinción da conducta de fumar, de feito, somos conscientes de que agora teñen un camiño moi longo por percorrer de forma individual, onde poden aparecer riscos e recaídas’.

Te puede interesar