Adxudicada a mellora do firme da estrada entre Ribadavia e Cea

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 1 millón de euros as obras de mellora do firme na estrada OU-504, o denominado Eixo do Ribeiro, ao seu paso polos muncipios de Ribadavia e San Cristovo de Cea. Os traballos, adxudicados á empresa Extraco Construccións e Proxectos S. A., comezarán, previsiblemente, a finais de agosto e terán un prazo de execución de seis meses.

O contrato asinarase nos vindeiros días, e a intervención consistirá na rehabilitación do firme da OU-504 entre a intersección coa estrada N-120 en Ribadavia e a intersección coa OU-901 en Cea, en concreto, entre os puntos quilométricos 1,460 ao 1,800; e do 2,900 ao 28,080. Segundo o treito e o estado actual do firme, realizaranse fresados e reposicións de 5 e 10 centímetros de espesor, e disporase unha nova capa de rodaxe mediante o estendido dunha mestura bituminosa en frío, tipo microaglomerado.

As obras incluirán a habilitación de cunetas de seguridade de formigón, incluíndo tubo dren e recheo co material de fresado da propia obra para reforzar a seguridade viaria. Tamén se mellorarán os camiños, mediante estendido do material de fresado da propia obra e o selado mediante unha rega asfáltica. Ademais acometerase a limpeza e o reperfilado das marxes.

O Eixo do Ribeiro é a estrada que une a capital do Ribeiro co límite entre as provincias de Ourense e Pontevedra.

Te puede interesar