O alcalde de Leiro, finalista do premio Senador Revelación 2013

O senador do Partido Popular de Ourense Francisco José Fernández Pérez é un dos finalistas do premio 'Senador Revelación 2013' que cada ano concede a Asociación de Periodistas Parlamentarios.

Fernández Pérez é, xunto a Ferrán Bel (CiU), Jesús Iglesias (IU) e Jokin Bildarratz (PNV) candidato a obter este galardón, que se entregará no vindeiro 18 de decembro na cea anual que a entidade que o outorga realiza en Madrid.

Este colectivo profesional concede outros premios nas seguintes categorías, 'Emilio Castelar' ao mellor orador; 'Azoute do Goberno'; 'Azoute da oposición'; 'Luis Carandell' á mellor relación coa prensa; 'Castigo para a prensa'; Parlamentario máis activo; Parlamentario 2.0; 'Descoñecido' no Parlamento; Deputado revelación; 'Pregunta do millón'; Senador do ano; Senador revelación e Eurodeputado do ano.

O senador ourensán, que tamén é alcalde de Leiro, é membro do comité de dirección do PP de Ourense presidido por Manuel Baltar, recalca que esta mención dos xornalistas parlamentarios 'é un orgullo e unha alegría moi grande que representa o intenso traballo que realizamos os senadores galegos e ourensáns do PP. É un recoñecemento para todos en conxunto'.

Con respecto á posibilidade de ser o agraciado, comentou nun comunicado de prensa que 'iso é o de menos, xa é premio suficiente estar entre os catro finalistas'.

Te puede interesar