EXCAVACIÓN | ARQUEOLOGÍA

Aparece cerámica e moedas do século III no castro de Astariz

visita_castro_astariz_3_result
photo_camera O alcalde, Xurxo Rodríguez, á dereita, durante a visita que fixo ás escavacións.

Un grupo de arqueoloxía da Universidade de Vigo rematará as escavacións na vindeira semana

Os traballos de escavación que levan a cabo dous grupos de estudantes da Universidade de Vigo no  antigo castro de Santa Lucía, en Castrelo de Miño, deron os seus primeiros froitos. Tras tres semanas de intensas obras, atoparon un número importante de moedas da época romana e tamén da medieval, e elementos de cerámica do periodo castrexo. Uns achádegos que, segundo as investigacións realizadas polos expertos, poderían datarse entre os séculos II e III da nosa era, e, máis concretamente, en torno ó ano 200, aínda con posibilidades de que a súa antigüidade sexa maior.

Ademais, unha vez que os alumnos profundizaron no chan do xacemento, ubicado na parroquia de Astariz, tamén comezaron a ver a estructura dos cementos e os muros da construcción do castro. Os traballos desta primeira fase proseguirán durante esta semana e ata mediados da vindeira. Os traballos que desenvolven os dous grupos, integrados por un total de 16 alumnas e alumnos de Historia, céntranse en catro parcelas de aproximadamente 60 metros cadrados cada unha, e o martes recibiron a visita do alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez.

O rexedor amosou a súa satisfacción polo resultado das excavacións, que, según comentou, "danlle contido e poñen en valor un xacemento que levaba xa moitos anos rexistrado en Patrimonio, pero polo que ninguén amosara interés ata agora".

Neste sentido, o propio Concello asinou o pasado mes de xullo un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, co obxectivo de por en marcha este proxecto, que se prolongará ata xullo de 2017, baixo a dirección do profesor Fermín Pérez. O colectivo universitario de Estudios de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), programou para o vindeiro sábado, ó mediodía, unha visita guiada ás excavacións para os veciños que desexen participar.

Previamente, no local social da praza de Astariz, realizarase unha exposición coas moedas e os elementos de artesanía atopados no recinto de Santa Lucía.

Te puede interesar