O Ribeiro

O audiovisual estuda os seus proxectos en Arnoia

O Ribeiro

Audiovisual

O audiovisual estuda os seus proxectos en Arnoia

Máis de 70 profesionais lusos e galegos buscan acordos de coprodución en cine e series de televisión

Máis de 70 profesionais de 51 empresas participan no V Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que se desenvolve desde onte e durante a xornada de hoxe no balneario de Arnoia. A Xunta e o Goberno luso organizan este foro bilateral, que continúa aumentando progresivamente tanto en nivel de participación como en acordos de colaboración e coprodución acadados ao seu abeiro.

Así o destacou na apertura desta quinta edición Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que xestiona esta iniciativa xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) e coa colaboración da Unión Europea. Acompañárono neste acto Anxo M. Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; Rosendo Luis Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, e Manoel Claro, representante da Portugal Film Commision.

Son 51 produtoras as que se dan cita en Arnoia para estudar posibles acordos de coprodución internacional arredor de 80 proxectos de cine e de televisión presentados. O director da Agadic subliñou, así mesmo, a materialización de moitos dos contactos iniciados en anteriores edicións desta cita, orientada a impulsar e normalizar a colaboración entre os sectores audiovisuais galego e luso. Entre eles, mencionou a serie "Auga seca" e a longametraxe "Ons". Aparte estase rodando nestes momentos "A illa das mentiras", "O futuro da mente" e "Camiños da irmandade". 

Nesta quinta edición, desprazáronse ata Arnoia os representantes de 20 compañías galegas, mentres que pola banda portuguesa están acreditadas 31 empresas, e cóntase coa participación das televisións públicas de Galicia e Portugal.

Más en O Ribeiro