o ribeiro

Autorizada un 25% máis de colleita por hectárea no viñedo do Ribeiro

vendima ribeiro
photo_camera Recollida de uva nunha viña do Ribeiro, na pasada campaña de vendima.
O Consello Regulador fixa como tope a data do 31 de agosto para o rexistro oficial dos viticultores

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro aprobou nunha sesión celebrada este xoves na súa sede de Ribadavia un incremento do 25 % no rendemento de quilos de uva por hectárea para a vindeira vendima, como medida de adaptación á realidade dunha colleita que se prevé excepcional a nivel de cantidade. Según explicaron dende este órgano vitivinícola, "esta decisión está baseada en informes técnicos do departamento de control do propio Consello Regulador, así como dos datos derivados das inspeccións de estimación de rendementos que técnicos están a realizar dende os primeiros días do mes actual".

Ademais, con esta medida, o Consello tamén asume, de facto, as demandas formuladas polos sindicatos agrarios, que viñan reclamando o devandito incremento co obxectivo de que ningún viticultor poidese quedar con uvas sen vender, ante as expectativas dunha elevada colleita para este ano. O presidente do Consello Regulador, Juan Manuel Casares, apunta que "o rendemento medio autorizado ata o momento por hectárea era de 13.000 quilos para as variedades de uva preferentes, e de 19.000 para as autorizadas, cantidades que agora se incrementan nun 25%, que é o máximo que permite a normativa vixente da Denominación".

Por outra banda, na mesma sesión plenaria acordouse establecer o vindeiro 31 de agosto como data de peche definitivo do rexistro vitícola da Denominación de Orixe para a vendima de 2019. Neste sentido, Juan Manuel Casares suliña que "ningún viticultor poderá entregar uva en ningunha adega amparada do Ribeiro senón dispón da nova tarxeta de viticultor, e, consecuentemente, dos seus datos actualizados nos rexistros do Consello". Con esta actualización do rexistro, o Consello Regulador do Ribeiro "toma medidas contundentes para previr calquera tipo de fraude nas declaracións de entrada de uva, e fortalece os controles na totalidade dos eslabóns da cadea de producción, co obxectivo de asegurar a certificación do seu produto", conclúe o máximo responsable da Denominación.

Te puede interesar