A Banda A Lira lanza un S.O.S. para evitar o seu esmorecemento

"A falta de apoio económico obrigará a dar peche á escola de música Mestre Veneroni", sinalan dende a asociación

A Asociación Cultural Liradavia e, por extensión, a banda de música A Lira, vén de lanzar un S.O.S. ante a situación de crise que está atravesando ao non ter realizado as actuacións que lle servían á agrupación para financiar o seu funcionamento.

Aseguran que a pandemia do covid-19 ten golpeado fortemente á cultura e, nestes momentos, non atopan resposta política: "As actuacións foron practicamente inexistentes, polo que a banda só dispuña do convenio anual co Concello, que non é suficiente nin para manter o soldo do director", lamentan dende a agrupación. Do mesmo xeito, engaden que, dende a Deputación de Ourense -organismo que financia anualmente moitas das actuacións musicais da banda- non se ofreceu ningunha solución ante este problema. "No Concello de Ribadavia negociouse unha proposta de modificación orzamentaria a finais de outubro de 2020 na que, entre outras necesidades tamén moi importantes, se incluía un apoio económico para A Lira. Desgraciadamente, non houbo acordo nin consenso no pleno e, a día de hoxe, non se rexistra ningunha nova tentativa de retomar o tema", critican con temor ás repercusións que esta situación poida ter cunha agrupación de 180 anos de historia. "A falta de apoio económico obrigará a dar peche á Escola de Música Mestre Veneroni a principios do ano 2021, o que significaría a perda de 10 postos de traballo", apuntan.

Te puede interesar