O RIBEIRO

As brigadas forestais de Castrelo urxen o pago das horas extras

O concello asegura que non pode pagar ó existir un informe de intervención que pon reparos a eses traballos extra

 As dúas brigadas contra incendios forestais contratadas en 2016 ó traverso do convenio entre o Concello de Castrelo de Miño e Medio Rural reclaman da institución municipal o pago das horas extras traballadas entre os meses de agosto a novembro do pasado ano. Según o xefe de estas brigadas, Guillermo Rodríguez, "o alcalde comprometeuse, e así o asegurou ás traballadoras, unha retribución económica polo traballo realizado fóra das horas establecidas nos contratos".

As cantidades adebedadas corresponden "a unhas 20 horas excedidas, o que supón unha media de 180 euros por cada operaria", engade o mesmo portavoz das brigadas. Asemade, e ó traverso do sindicato Central Unitaria de Traballadores (CUT) solicitaron unha entrevista co rexedor de Castrelo,  "e iste non quixo recibir os representantes sindicais", apunta Guillermo Rodríguez. As brigadistas reuniranse nunha asamblea a fin de avaliar a situación e decidir a posible toma de medidas de presión ante o Concello.

Pola súa banda, o alcalde, Xurxo Rodríguez, lembra que "o Distrito Forestal enviou ás brigadas a participar nunha extinción, pero non se nos comunicou nada". E tras solicitar información ó devandito departamento d e Medio Rural "non se nos indicaron os datos concretos sobre persoas, lugar e horas dese traballo". Finalmente, a interventora "fixo un reparo suspensivo, xustificado en base a que o Concello non ordenou facer esas horas e que foron realizadas fóra do termo municipal", conclúe o alcalde de Castrelo. 

Te puede interesar