A campaña “En negro contra as violencias” chega a Ribadavia

Colocaranse pancartas conmemorativas en varios edificios municipais, e procederase a iluminar a Casa do Concello e o Castelo con motivo do 25-N

O Concello de Ribadavia súmase por primeira vez nun 25 de novembro á campaña galega “En Negro Contra As Violencias”. É unha acción colectiva de sensibilización social contra as violencias machistas que xorde no 2015 en Santiago de Compostela, co impulso da Administración local, e que ano tras ano foi medrando, involucrando a máis concellos, institucións e sectores, chegando a expandirse de xeito viral, mesmo fóra de Galicia.

Esta semana colocaranse pancartas conmemorativas en varios edificios municipais, e procederase a iluminar a Casa do Concello e o Castelo con motivo deste día.

Ademais, o Concello ten organizada na Casa da Cultura a exposición de carteis contra a violencia de xénero realizados por alumnos do IES Ribeiro. Dentro da programación polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero, onte representouse a obra de teatro “Golpes” e mañá terá lugar a lectura dos nenos do CRA Amencer que farán no Concello de Ribadavia a súa reivindicación.

En canto ao acto institucional, desenvolverase o día 25, coa lectura dun manifesto na Praza Maior. Tamén o próximo día 29 terá lugar unha mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas en Ribadavia. Este ano o Concello pretende visibilizar o día internacional para a erradicación da violencia machista, e facer fincapé na sensibilización e concienciación das xeracións máis novas.

Te puede interesar