O cartel da Feira do Viño foi creado por Vidal Souto

Marcos Blanco e Luis Anxo Rodríguez, presentando o cartel do que é autor José Manuel Vidal Souto. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e o presidente do Consello Regulador, Luis Anxo Rodríguez, presentaron onte o cartel da XLIX Feira do Viño do Ribeiro, obra do pintor ourensán José Manuel Vidal Souto. Trátase dunha representación mitolóxica que o autor describiu como unha recreación do corpo dunha muller representando a terra do Ribeiro. Segundo comentou o pintor, 'o cartel elaborouse coas tonalidades do ouro branco e con destellos dourados do amencer' para evocar o viño.
O autor tamén resaltou a importancia non só gastronómica, senón tamén espiritual que ten o viño e a alta calidade do que se produce na zona do Ribeiro.

O alcalde, Marcos Blanco, refiriuse as novidades no ámbito gastronómico que este ano se levarán a cabo na feira coa inclusión dun ambicioso programa de obradoiros de cociña que correrán a cargo dalgúns dos mellores cociñeiros como Daniel Guzmán ou Flavio Morganti. Sinalou que a conferencia inaugural do día 5 de maio correrá a cargo de Mercedes González, que é a presidenta de Gallaecia.

Te puede interesar