patrimonio

Localizados no castro de Santa Lucía varios muros medievais

Astariz. 25-08-17. Provincia. Excavacións no castro de Sta Lucía en Astariz, Castrelo de Miño.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Aspecto das excavacións que se están a desenvolver no castro de Santa Lucía.

O achádego corresponde á segunda fase da excavación arqueolóxica desenvolvida pola Universidade

O Grupo de Estudios de Arqueoloxía do Campus de Ourense retomou, dende o primeiro día deste mes de agosto, os traballos de excavación no castro de Santa Lucía, no municipio de Castrelo de Miño, e que foran iniciados no verán do  ano pasado.  No asentamento castrexo, situado na parroquia de Astariz, e datado entre os séculos I e II antes de Cristo e I e II da era actual, os investigadores da Universidade de Vigo descubriron  unha serie de construccións que poderían corresponder á Idade Media.

Concretamente, un dos achádegos apareceu no sector norte do recinto castrexo, "un muro fortificado tipo castelo, xunto con outras construccións cadradas da época galaico-romana", subliña Fermín Pérez, arqueólogo e director do proxecto de investigación que comparten o Campus ourensán e o Concello de Castrelo ó traverso dun convenio de colaboración. Outros elementos arquitectónicos semellantes foron localizados "nas inmediacións da antiga capela da Santa Lucía, que fora demolida a finais do século XIX, e consisten en estructuras e muros dun asentamento que tamén podería ser medieval ou de séculos inmediatamente superiores", apunta o responsable das excavacións.

Nesta mesma área do castro, o grupo de operarios da Universidade descubrira o pasado ano unha especie de cabana, que foi datada na metade do século I da nosa era grazas ó achado dunha moeda do emperador romano Claudio, "e agora apareceu neste mes unha vía de comunicación tipo rúa que entronca con esa cabana". Por outra banda, os investigadores conseguiron fixar a época de construcción do antigo lagar rupestre, adicado á producción de viño, descuberto en agosto de 2016 na primeira fase dos traballos. O método utilizado para a datación foi o do carbono 14, resultando que este habitáculo "corresponde ó ano 100 da era actual, se ben deixouse de utilizar e foi abandoado ao redor do ano 300", indica Fermín Pérez.

Esta catalogación supón un feito moi importante a nivel científico, "xa que é o primeiro lagar datado en toda Galicia, e demostra que xa se producía viño do Ribeiro na época romana nesta contorna vitícola de Castrelo de Miño", conclúe o director do proxecto. Esta segunda campaña de excavacións rematará o vindeiro 1 de setembro, "pero terá a súa continuidade a finais deste ano,  con outra de consolidación e restauración de tódalas estructuras descubertas, a fin de crear un espazo que poida ser visitado", comenta Fermín Pérez.

Unha vez finalizadas as excavacións, ó Grupo de Arqueoloxia aínda lle queda un longo periodo de seis meses de traballo no laboratorio universitario. Alí efectuarán un estudio dos estratos descubertos, as planimetrías de localización no recinto castrexo e unha avaliación dos elementos cerámicos e numismáticos que están pendentes de clasificación. O equipo de traballo, integrado por 20 estudantes de diferentes puntos do Estado, levou a cabo catro sondaxes no 2016, atopando moedas da época romana e medieval, e elementos de cerámica do periodo castrexo dos séculos II e III da nosa era. 

Exposición e visita guiada organizada polo concello

Hoxe levarase a cabo unha xornada de portas abertas, organizada polo Concello de Castrelo, para que tódalas persoas interesadas teñan a oportunidade de coñecer o traballo desenvolvido nas excavacións. Deste xeito, ás 11,00 horas ábrese unha exposición dos achádegos no Centro de día da localide de Vide. A continuación, os visitantes dirixiránse cara A Cancela e Freás para iniciar un percorrido polo recinto castrexo, que será guiado polos integrantes do equipo técnico do Campus que traballa nas investigacións. 

Te puede interesar