A 'Feira do Viño' clausúrase hoxe coa entrega de premios ás mellores adegas e colleiteiros que participaron no certame

A cata popular anima ós visitantes á degustación das castes do Ribeiro

Un grupo de visitantes degustan viños na Alameda.
Os galardóns acadados nos últimos anos por diferentes marcas de adegas e colleiteiros da Denominación de Orixe sirve como foco de atracción de visitantes a edición número 47 da 'Feira do Viño do Ribeiro', que se celebra dende o pasado venres en Ribadavia. Se ben a media mañá de onte o recinto ubicado na Alameda non rexistraba unha afluencia importante, foi a partir das 13.30 horas cando ésta foi en aumento, e así o corroborou Emilio Cuíñas, concelleiro de Promoción Económica e responsable da organización.
Un recinto no que calquera persoa pode acceder libremente, adquirir un vaso polo prezo de dous euros e percorrer as 28 casetas (10 de adegas e 18 de colleiteiros) que permanecen abertas ó público de 11.00 a 14.30 horas e de 17.00 a 23.00 horas. A charanga 'O Castelo' foi a encargada de animar as rúas e prazas da vila, nunha xornada con temperatura alta pero na que a choiva non fixo aparición coma no primeiro día.


SELECCIÓN

Pero a oferta vinícola tamén se amplía a outra zona do casco histórico, concretamente, a Igrexa da Madalena, reconvertida dende hai anos en centro social para actos e exposicións. Alí, dende o mediodía organízase a chamada 'cata popular', que hoxe repetirase co mesmo horario ata o seu remate das 14.00 horas, e que corre a cargo do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Os mesmos viños brancos e tintos que participan oficialmente na feira están a disposición de veciños e visitantes, que poden degustalos mediante o abono dunha taxa de 3,5 euros.

Persoas chegadas doutras provincias galegas, do resto do Estado (Madrid, País Vasco, Asturias, entre outras), e incluso do estranxeiro (Alemaña, Francia, Italia) acuden á capela para proba-los caldos e, de paso, te-la opción de gañar un premio. Emilio Cuíñas explica que 'o catador popular que elixa na súa meirande parte os mesmos viños seleccionados pola comisión de catadores oficial, ten dereito a un agasallo'. Precisamente, os nomes das adegas , colleiteiros e catadores premiados nos respectivos certames, daranse a coñecer hoxe, na Alameda, no acto de clausura, previsto para as 19.00 horas.

Te puede interesar