O Ribeiro

Catorce adegas abren estes días as súas portas

O Ribeiro

O RIBEIRO

Catorce adegas abren estes días as súas portas

A iniciativa ten que ver coa promoción das actividades enoturísticas en todo o Ribeiro

As VII xornadas de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia, organizadas por Turismo de Galicia en colaboración coas rutas dos viños da Comunidade, arrancaron onte no Ribeiro. Durante esta fin de semana un total de 14 adegas do Ribeiro abren as súas portas para celebrar visitas guiadas e catas. O Bus do Viño conecta Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela con esta denominación de orixe e tamén se inclúen percorridos teatralizados ao patrimonio da zona ou polas rúas do concello de Ribadavia.

Mañán está previsto que se instale o túnel do viño na Igrexa da Magdalena de Ribadavia
para degustar varios tipos de viño. A todo iso súmanse estes días andainas, paseos a cabalo, visitas ao museo etnolóxico e tapas con sabor a Ribeiro en varios restaurantes. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron onte nunha visita guiada a un dos viñedos da adega Casal de Armán, da Denominación de Orixe, onde puideron comprobar o potencial vitivinícola desta comarca ourensá.

As xornadas de portas abertas tamén se están a celebrar esta fin de semana na Denominación de Orixe das Rías Baixas, mentres que a próxima semana será a quenda das D.O de Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. A edición deste ano conta, no seu conxunto coa participación de 60 adegas e máis de 40 actividades paralelas con altas doses de creatividade nas que se mesturan a cultura vitivinícola galega coa maxia e o ilusionismo, coa música de percusión, coa mellor gastronomía ou co turismo activo e de natureza incluíndo roteiros de sendeirismo ou mesmo paseos a cabalo, entre outras moitas. 

Más en O Ribeiro