Cenlle promociona o viño tinto ca quinta edición dunha festa

A localidade de Cenlle celebrará o vindeiro domingo a quinta edición da ‘Degustación do viño tinto’, organizada polo Concello e a comisión de festas. O obxectivo desta festa é a promoción do producto e da comarca.
O Concello de Cenlle, coa colaboración da comisión de festas da localidade e os propios veciños, organiza a ‘Degustación do viño tinto de Cenlle’ o vindeiro domingo 31 de maio. A partir das 10.30 horas, instalarase unha carpa na pista polideportiva do colexio público para a degustación gratuita dos famosos caldos das parroquias do municipio.

Ó mediodía celebrarase un xantar de confraternidade que, ó prezo de 10 euros, inclúe un menú composto de xamón serrano, empanada, lacón cocido, carne ó caldeiro con patacas, garbanzos e chourizo, ademais de café e tinto. Toda a xornada esta rá amenizada pola charanga ‘Os Escachapeitos’, e os vales para o xantar pódense mercar na Casa do Concello e diferentes establecementos comerciais de Cenlle.

Os organizadores sinalan que entre os obxectivos máis destacados da festa está ‘a promoción do tinto de Cenlle para dalo a coñecer en toda a comarca e o seu contorno, a fin de conquerir unha meirande comercialización e venda do producto’. Engaden que este tipo de celebracións ‘favorece a convivencia entre os veciños e potencia o intercambio interxeneracional, así como o coñecemento do contorno natural e contribúe á promoción turística desta zona do Ribeiro’. Comentan que ‘o ano pasado, a afluencia de xente foi de arredor das 300 persoas, e estimamos que este ano poidan acudir á festa máis de 400 persoas’.

Te puede interesar