Os centros educativos de Ribadavia acollerán actividades fóra do seu horario lectivo

Os estudantes do instituto e dos colexios de Ribadavia terán a oportunidade de participar nun programa de actividades que se desenvolverán nos propios centros fóra do horario lectivo.
Esta iniciativa está promovida pola Concellería de Cultura e Ensino coa colaboración da Asociación Xaraiva, entidade que elaborou o correspondente proxecto, que contou co visto bó da Consellería de Educación.

O concelleiro do citado departamento municipal, Anxo Collarte, sinala que ‘a consellería concedeu unha axuda de 18.00 euros para levar a cabo o programa, que inclúe teatro, pintura, idiomas e reforzo naquelas materias onde os estudantes teñan dificultades’. O edil nacionalista convocou hoxe, ás 20.30 horas, unha reunión informativa no colexio público Tomás de Lemos, que está dirixida ós pais e nais de alumnos de educación Infantil, Primaria e Secundaria obrigatoria de Ribadavia.

Gratuito

Anxo Collarte apunta que ‘o obxectivo desta xuntanza é dar a coñecer a posta en marcha deste proxecto coa apertura dos centros educativos fóra do horario lectivo, e que os pais den a súa opinión sobre as materias e as horas máis convintes para conquerir a meirande asistencia posible’. O concelleiro de Ensino indica tamén que ‘as actividades iniciaranse neste mes de novembro, terán carácter gratuíto e estable ao longo do curso 2008-2009’, e agradece a colaboura do colexio Tomas de Lemos, o Colexio Rural Agrupado ‘Amencer’ e o Instituto de Secundaria ‘O Ribeiro’, ademais do apoio económico da Consellería de Educación.


Te puede interesar