A formación dos alumnos completarase na Cooperativa Vitivinícola e nas Bodegas Alanís

O ciclo de viño e aceite terá as prácticas en Aceites Abril

O alumnado do ciclo formativo de grao medio 'Aceites de oliva e viños' completará a súa formación nas instalacións da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, nas de Aceites Abril e en Bodegas Alanís.
O novo ciclo de formación, moi reivindicado nesta comarca, e que se pon en marcha no presente curso, impartirase no Instituto de Ribadavia e tamén na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, ubicada no Concello de Leiro. 'Este é un centro de referencia no sector da investigación e desenvolvemento (I+D) dos produtos derivados da vide e considérase que ten as instalacións máis adecuadas', segundo indican responsabeis de Educación.

Con tal motivo, Xesús Vázquez Abad, firmaba onte o primeiro dos convenios de colaboración co presidente da Cooperativa Vitivinícola, Manuel García Montero, estando previsto formalizar os restantes en próximos días con Aceites Abril, Bodegas Alanís e coa Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

Esta colaboración permitirá que os alumnos realicen o módulo de formación nunha empresa de referencia do sector, garantindo así que para esta formación se conte cos equipamentos máis actuais e con profesionais expertos na materia. A cooperativa dispón de equipamento, os profesionais e as instalacións precisas, como son a bodega e o laboratorio de análises, para poder completar as ensinanzas deste ciclo de grao medio.

Este convenio establece tamén posibles estadías temporais do profesorado na empresa, e dos traballadores da Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro no centro de Formación Profesional, tanto para a formación dos seus traballadores como para a actualización do profesorado.

Asemade, desenvolveranse conxuntamente proxectos de innovación, segundo indicaron os asistentes a firma deste primeiro convenio.

O sector do viño e as mesmas autoridades do Concello de Ribadavia facía tempo que reivindicaban este ciclo, tendo en conta que a producción vinícola é o principal motor económico desta comarca, polo que a formación de profesionais é algo fundamental.

Te puede interesar