A colleita de uva creceu un 21,6% en Galicia no derradeiro exercicio

A directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural, Alejandra Álvarez de Mon, cualificou os resultados da colleita da vendima do pasado ano como excepcionais, acadando entre as cinco Denominacións de Orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) un total de 57,6 millóns de quilos de uva, cun crecemento do 21,6% respecto ao ano anterior e do 33,5% respecto da media do período comprendido entre 2007 e 2009.
Álvarez de Mon mostrou onte estes datos na súa comparecencia ante a Comisión de Agricultura, Gandería e Montes, na que salientou que 'o tempo para a vendima foi moi favorable, o que permitiu que os traballos se fixeran cun ritmo axeitado e que a uva entrara nas adegas cunha calidade sanitaria excelente'.


OURENSE

Así, a Denominación de Orixe Ribeiro recolleu 13.621.627 quilos de uva, cun crecemento do 27% respecto do ano pasado e un 21,9% sobre a media dos tres anos anteriores, se ben foi moi inferior á acadada no período entre 2003 e 2006, no que a colleita estivo por riba dos 17 millóns de quilos. Na Ribeira Sacra recolléronse 5,6 millóns de quilos, o que supón tamén a maior colleita, un 6,4% superior á do pasado ano, mentres en Valdeorras contabilizáronse 4.288.213 quilos, a menor dos últimos 10 anos.

En Monterrei, foron 2,4 millóns de quilos, tamén a maior da súa historia cun aumento do 17,7% respecto ao ano anterior, mentres a pontevedresa Rías Baixas tivo a colleita máis abondosa da historia, con 31.686.516 quilos., o que supón un crecemento do 34,1% respecto do ano anterior.

Te puede interesar