o ribeiro

Comezou a limpeza de viais en Ribadavia con críticas polo seu atraso

A medida busca adecentar os camiños para facilitar os traballos da vendima

O Concello de Ribadavia comezou na semana pasada o desbroce de camiños nas distintas localidades do rural para facilitar os traballos da vendima. Empezou por Santo André de Camporredondo e seguiu por As Chabolas, A Groba, Sanín e San Cristovo co obxectivo de levar a cabo a limpeza de tódalas pistas.

Para elo, o concello dispón de dous tractores desbrozadoras, un deles da Deputación provincial de Ourense, que colabora neste labor.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, declarou que os traballos continuarán todo o tempo que sexa necesario para facilitar o acceso aos viñedos, e continuarán tamén por distintas pistas forestais.

Pola súa banda, o PSdeG-PSOE de Ribadavia xa presentara unha moción na que solicitaba a continuación do plan de arranxo de camiños e estradas no rural, que os socialistas implantaran nos últimos catro anos de mandato. Un plan que, segundo eles, permitiu executar obras en tódalas parroquias do rural do municipio, achegando actuacións a tódolos núcleos e levando a cabo máis de 40 traballos en diversos camiños e estradas rurais. Os socialistas denuncian que "por primeira vez en catro anos, este verán non se fixo nin unha soa actuación no rural, a pesar de que xa se aprobaron os orzamentos e de que o novo grupo de goberno leva tres meses na alcaldía".

O grupo municipal do PSOE lembra que Ribadavia é a capital da comarca do Ribeiro, coñecida fundamentalmente polos seus viñedos e pola viticultura, polo que os socialistas aseguran "non entender o desleixo do grupo de goberno do Partido Popular a hora de proseguir co plan de arranxo. "Estes camiños son imprescindibles para unha cuestión fundamental como é a viticultura", e tamén para emerxencias.

Te puede interesar