O Concello de Ribadavia acondiciona a instalación deportiva Picuxa

O proxecto incluíu novas luminarias, porterías, canastas e unha nova pista polideportiva, entre outras melloras

O Concello de Ribadavia instalou novas porterías e canastas na pista da Picuxa, unhas instalacións nas que se viu incrementado o uso a raíz das melloras xa executadas.

Ata que a Xunta pechou o Colexio da Alameda, a Picuxa era un espazo compartido entre escolares pola mañá e o lecer polas tardes por parte da mocidade local. Agora é a xente máis moza a que usa esta instalación como espazo deportivo e de lecer. 

Recentemente, no pasado mes de decembro, o Concello puxo en marcha un proxecto de acondicionamento deste espazo coa instalación de luminarias, que levaban moitos anos fora de uso, o que permite ampliar o horario de utilización e con maior seguridade. 

Posteriormente, o Concello procedeu á creación dunha nova pista multideporte, de mini- baloncesto e mini- balonmán e fútbol sala. 

Esta nova pista permite que máis nenos poidan xogar simultaneamente, sendo ademais compatible con outros usos. 

O Concello continuará coas melloras a maior brevidade posible, coa intención de que a Picuxa, que a día de hoxe é o único espazo aberto cuberto deste tipo, logre ser un lugar de encontro para a xente máis nova de Ribadavia, pero tamén para que nais e pais poidan practicar deporte cos seus fillos, nun espazo coidado.  

O portavoz do goberno municipal, Brais Fidalgo valora moi positivamente esta intervención, “moi necesaria nun espazo no que o Concello levaba moitos anos sen realizar melloras nesta infraestrutura deportiva e de lecer, a pesar de ser moi usada”.

A próxima actuación, prevista inicialmente entre os meses de xaneiro ou febreiro, consistirá no repintado da cancha e acondicionamiento en xeral de toda esta instalación municipal, segundo apuntan as autoridades locais.

Te puede interesar