A campaña inclúe un sorteo para rematar o ano Xacobeo en Galicia

A Cooperativa do Ribeiro regala viño ós peregrinos

Vicente Sande, propietario da tenda de artesanía Maeloc, e Argimiro Levoso. (Foto: LR)
Viña Costeira (Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro) ofrece unha botella do seu mellor viño totalmente de balde aos 10 primeiros peregrinos que cada día pasen pola tenda de artesanía Maeloc (Rúa do Franco, 1), ó pe da catedral de Santiago, portando a Compostela e un folleto da promoción da cooperativa cuberto con todos os datos.
Trátase da campaña 'O mellor trago para o final', e xunto coa botella de degustación facilitase un código de acceso á parte privada da páxina web da adega (www.vinoribeiro.com) para que poida facer unha cata 'on line'. A campaña empezou este pasado día un de outubro e prolongarase ata o 30 de novembro. Os folletos son entregados ao longo do camiño no seu percorrido por Galicia mediante uns expositores chamados Xacoviños.

Por outra banda, os peregrinos que non cheguen entre os 10 primeiros teñen a opción de participar na iniciativa 'Volve a Galicia'. Mediante o envío do código facilitado en cada folleto participarán no sorteo dunha viaxe para rematar este Xacobeo pasando os últimos catro días do ano visitando a cooperativa, asistindo a unha cea de gala para dúas persoas, e ó peche da Porta Santa.

O xerente da adega, Argimiro Levoso, declarou que xurdiu a idea desta campaña, seguindo a tradición do Hostal dos Reis Católicos, que ofrece cada día o almorzo gratis ós primeiros peregrinos. 'É unha promoción divertida e diferente para este outono', sentenciou.

Te puede interesar