semana santa

Críticas da oposición á falla de actividades durante a Semana Santa de Ribadavia

O grupo municipal Ribeiro en Común bota en falta unha programación de lecer na semana santa de Ribadavia

O grupo municipal Ribeiro en Común de Ribadavia repróchalle ao goberno socialista que preside Ignacio Gómez a falta dunha programación de actividades culturais e de lecer para a Semana Santa. "Non existe ningunha previsión nin organización por parte do Concello. Exceptuando unha actividade de maxia o xoves e venres, non hai actividades para os visitantes e veciños", sinala o portavoz, Brais Fidalgo.

O concelleiro engade que a pesar de ser Ribadavia un núcleo importante de visitantes polo seu casco histórico, o enoturismo comarcal e sobre todo a través das termas de Prexigueiro, o Concello non fixo ningunha previsión nin traballo, "sabendo que nestas datas nos visitan moitos turistas e tamén veciñanza orixinaria de Ribadavia que vive fora e que aproveita  estes días para volver á vila".

Brais Fidalgo, asegura que Ribeiro en Común alertou desta cuestión nos plenos que se celebraron nos meses de febreiro e marzo, ao igual que fixera o anterior ano 2016, cando preguntou polo programa elaborado polo Concello para Semana Santa e pedindo que neste 2017 se levaran a cabo actividades culturais e de lecer que dinamizaran o sector do turismo, comercio e hostelería a través dunha oferta atractiva. 

Te puede interesar