'Señorío de Beade', en tintos, e 'Sameirás' e 'Casanova', en brancos

A Denominación de Orixe premia aos mellores viños

Sete dos oito galardonados cos premios de mellores viños e de promoción do Ribeiro, con Xesús Vázquez. (Foto: MARTIÑO PINAL)
O mosteiro de San Clodio acolleu, ó mediodía de onte, a entrega dos premios da cata oficial da Denominación de Orixe Ribeiro, correspondente a unha escolma de 46 viños da colleita de 2011 feita ó longo desta semana por expertos. O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, fixo a entrega do premio ó mellor tinto, 'Señorío de Beade', ó representante da adega A Portela, de Beade, mentres o delegado da Xunta, Rogelio Martínez, fixo o mesmo con Antonio Cajide Gulín, gañador en brancos de colleiteiros pola súa marca 'Sameirás', de Santo André de Ribadavia.
Finalmente, o último premio, correspondente ós brancos de adegas, recaeu en 'Casanova', da adega Pazo Casanova, da localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, e foi entregado polo conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez. Iste lembrou o papel dos monxes de San Clodio no asentamento das variedades autóctonas de uva do Ribeiro, e felicitou ós premiados, 'porque ser elexidos os mellores é un recoñecemento do que se pode presumir', e engadiu que, 'en Galicia, só hai bós viños e mellores'.

De xeito parello, o Consello Regulador do Ribeiro tamén quixo premiar, por vez primeira e de xeito especial, as labouras de asesoramento, promoción e difusión dos viños da Denominación, cun total de cinco diplomas. O primeiro, pola 'Mellor tarefa de comunicación', foi para Antonio Portela, sumiller e creador do blog Viticólogo dos Bagos en internet. O enxeñeiro agrónomo José Luis Hernáez Mañas, ex presidente do Consello Regulador do Ribeiro e exdirector da Estación de Enoloxía de Galicia de Leiro, recibiu o 'Persoeiro de honra 2012'. Os propietarios da Casa Claudio, da Coruña, resultaron elexidos como a 'Mellor viñoteca', mentres o local O Secreto, tamén ubicado na Coruña, levou o galardón de 'Mellor taberna de viños'. O Consello Regulador tamén recoñeceu, co último diploma, ó restaurante El Refugio, na localidade coruñesa de Oleiros, polo 'Mellor servizo de viño'.


DEGUSTACIÓN

Unhas 300 persoas participaron no acto, desenrolado nunha das salas capitulares do antigo cenobio, e foi precedido por un cóctel onde os asistentes poideron degustar, nun dos claustros, botellas de branco e tinto, acompañadas de ostras, xamón e pan. Xa no salón, unha proxección de vídeo amosou imaxes de viñas, adegas, botellas e da mesma vendima, baixo o acompañamento musical do trío 'Malas Herbas', con dúas zanfoñas e un acordeón, e a actriz Isabel Blanco coma presentadora. O presidente en funcións do Consello Regulador do Ribeiro, Luis Anxo Rodríguez, fixo mención á súa despedida, tras cinco anos no cargo (hoxe elexirase un novo en sesión plenaria), e suliñou que 'un dos pilares básicos do Ribeiro é o control da materia prima e do producto que manexan viticultores, colleiteiros e adegas, de xeito que se cumpran as normas que nós mesmos acordamos'.

Te puede interesar