RIBADAVIA

A Denominación de Orixe Ribeiro apoia a mostra “O Camiño. A Orixe"

Esta iniciativa do Consello Regulador enmárcase no seu programa "Enocións by Ribeiro"

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Angel Viso, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron onte un convenio de colaboración arredor da exposición "O Camiño. A Orixe", que se atopa aberta ao público na Cidade da Cultura de Santiago. O Consello Regulador aportará 10.000 euros para a promoción, divulgación, apoio e mecenado da mostra, que constitúe unha viaxe ó comezo do fenómeno xacobeo. Ó tempo, a Fundación Cidade da Cultura comprométese a difundir a colaboración do Consello Regulador en todas as actividades que se realicen no marco da exposición.

Esta iniciativa do Consello Regulador enmárcase no seu programa "Enocións by Ribeiro", un ciclo que patrocina a denominación de orixe co que pretende exploar a relación entre as emocións do Camiño, o mundo da arte e a cultura do viño. Persoeiros como Guadi Galego, Pepe Solla ou Carlos Blanco participarán nesta iniciativa, que comeza o vindeiro xoves e coa que se pretende crear un novo concepto, o das "enocións", que xurde da mestura entre enoloxía e emocións.

A mostra "O Camiño. A Orixe" foi inaugurada o 13 de marzo e estará aberta ao público ata setembro. A mesma explica, dun xeito didáctico, a orixe da ruta xacobea e o desenvolvemento dos camiños a Santiago.

Te puede interesar