A Mostra Internacional de Teatro e o Concello de Ribadavia entregaron onte o Premio de Honra Abrente ó escritor Francisco Pillado, que reivindicou nestes díficiles momentos 'o papel de debate e crítico do teatro'.

O día de Francisco Pillado

Roberto Pascual, Marcos Blanco, Francisco Pillado Mayor e José Prieto. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) está chegando á meta final despois de seis intensas xornadas de espectáculos para tódolos públicos. Hoxe, no castelo, no horario habitual das 23,00 horas, a compañía francesa Les Anachroniques ben seguro que sorprenderá ó publico coa súa especial versión dunha obra do ilustre escritor galego Álvaro Cunqueiro. 'Crónicas do Sochantre' é a montaxe estrela deste penúltimo día do festival, que se clausura mañá con 'Delicadas' de T de teatre (Cataluña).
A MIT e o propio Concello de Ribadavia, que é o impulsor do evento, fixeron entrega onte do Premio de Honra Abrente ó escritor e persoeiro do mundo do teatro Francisco Pillado Mayor, no transcurso dun acto que se desenvolveu na Casa Consistorial. O director da mostra, Roberto Pascual, procedía a ler a acta do xurado do premio que, entre outras cousas, sinala que 'Francisco Pillado Mayor levou a cabo en solitario ou na compaña doutras destacadas personalidades do noso teatro coma Manuel Lourenzo, proxectos fundamentais e xa míticos para o desenvolvemento das artes escénicas contemporáneas coma o Diccionario do Teatro Galego, a Antoloxía do Teatro Galego ou os cadernos da Escola Dramática Galega'. Na acta tamén se apunta que 'as súas tarefas e a súa actitude de esforzo, esperta á vontade creadora e crítica, son un exemplo das ramificacións e bondades pedagóxicas das artes escénicas, do valor do pensamento artístico e da necesidade dun novo concepto da economía social'.

Francisco Pillado aseguraba estar 'moi emocionado', engadindo que 'é difícil traducir en palabras ver o meu nome vinculado a este premio tan importante en Galicia'. Tamén manifestaba a súa satisfacción porque recibe o premio nun ano en que se decidiu adicar as Letras Galegas a un home do teatro: Roberto Vidal Bolaño.

Francisco Pillado narraba a continuación algunhas das vivenzas dos seus inicios como escritor e no teatro naqueles difíciles tempos da dictadura na que a censura o controlaba todo. Un repaso breve pola súa vida, que remataba con unha reivindicación social e unhas duras críticas contra aqueles que pretenden 'acabar con logros da clase traballadora'. Pillado Mayor concluía co desexo de 'recuperar o papel de debate e crítico do teatro'.

Te puede interesar