A distribución de auga alivia a calor no bosque Ridimoas

ridimoas
photo_camera Un voluntario rega as prantas no bosque de Ridimoas.
Os animais teñen á súa disposición bebedoiros naturais en rocas, que se rechean semanalmente

O incremento da temperatura ambiental neste verán afecta a animais e plantas naquelas zonas situadas a máis altitude no bosque de Ridimoas, ubicado no municipio de Beade e con máis de 500 hectáreas de extensión. Por este motivo, os integrantes da asociación ecoloxista que xestiona este parque tratan de paliar a necesidade de auga das especies zoolóxicas e botánicas máis indefensas ante a calor, proporcionándolles o líquido elemento nas quendas que consideran precisas.

Para elo, desprázanse con bidóns e garrafas de auga recollida nunha poza que se nutre dunha fonte e rechean os bebedoiros excavados pola erosión nas rocas na parte montañosa do bosque. "En xeral, distribuimos a auga unha vez por semana, pero tamén podemos facelo máis á miúdo no caso de que a época de sequía se prolongue", comenta Pablo Rodríguez, presidente da asociación Ridimoas. Este sistema permítelles ás aves máis pequenas dispor de auga para calmar a súa sede e tamén poder bañarse e deste xeito aliviar a calor.

Os voluntarios deste colectivo tamén usan o mesmo método de transporte de auga para regar as prantas en fase de crecemento

Ademais, os voluntarios e socios do colectivo tamén utilizan o mesmo método de transporte para así poder regar as prantas que aínda están na primeira fase de crecemento e precisan de auga para o seu desenvolvemento posterior, e así evitar a súa seca. "Hai moita biodiversidade nas partes máis altas da masa forestal e por elo tratamos de que tódalas especies, sexan paxaros, anfibios ou insectos, entre outras, poidan ter a oportunidade de refrescarse", apunta Pablo Rodríguez. Neste sentido, o presidente de Ridimoas valora o aluguer que levou a cabo a asociación duns terreos á beira do río Avia, na localidade ribadaviense de San Cristovo, co obxectivo de preservar o hábitat natural onde conviven uns 60 exemplares de sapoconcho europeo, unha especie protexida en perigo de extinción.

Outra das preocupacións do colectivo é "manter en completo estado de limpeza os camiños e sendeiros do bosque polos que transitan os nosos visitantes, xa que istes representan unha importante fonte de ingresos para a asociación", indica Pablo Oitabén. Concretamente, durante o pasado ano recadáronse 6.200 euros do medio milleiro de persoas que se achegaron a coñecer este enclave forestal autóctono, mentres os máis de 1.000 socios da entidade aportaron uns 12.000 euros.

A disponibilidade económica favoreceu o desembolso de 20.000 euros na compra dun muíño no regato Barbaña e dúas parcelas, a fin de ampliar a cobertura para as especies autóctonas.

Te puede interesar