A meirande parte dos inscritos non é do municipio, no que tan só hai 78 persoas en paro

Dous rexistros por día na bolsa de traballo de Castrelo

Ollada panorámica do municipio de Castrelo de Miño, dende Coto Novelle. (Foto: MARTIÑO PINAL)
A bolsa de emprego aberta o pasado 31 de marzo polo Concello de Castrelo de Miño está a rexistrar unha media de dúas inscripcións diarias, según os datos aportados polas autoridades municipais. Nos 12 días hábiles transcurridos ata hoxe, o número de persoas en situación de desemprego que queren aspirar a un posto de traballo no Concello supera as 24.
O alcalde, Xurxo Rodríguez, apunta que 'se ben a creación desta bolsa estaba máis ben orientada cara ós veciños de Castrelo que están no paro, a meirande parte de inscritos corresponde a outros municipios limítrofes'. Ó respecto, no rexistro municipal figuran veciños da cidade, Cartelle, Cenlle, Toén ou Ribadavia, entre outros, onde a porcentaxe de desempregados é superior cá en Castrelo, que non acada o 4% cun total de 78 parados (44 homes e 34 mulleres).


NECESIDADES

O obxectivo deste listado é que permite 'facilitar o acceso ó mercado laboral de todas aquelas persoas que se atopen en situación de desemprego, ou noutro caso, mellorar o seu traballo actual', indica o rexedor nacionalista'. Ademais, a bolsa tamén ten coma fin cubrir as necesidades puntuais de contratación de persoal por parte do Concello, dando cobertura ós postos que vaian xurdindo. O único requisito para anotarse na bolsa é ter máis de 16 anos e contar coa titulación ou experiencia requirida para cada unha das prazas pendentes de cubrir.

Nestes intres, o Concello de Castrelo está interesado en facerse con expertos en limpeza e acondicionamento de viais, redes de abastecemento e saneamento, e tamén auxiliares de xeriatría, axuda no fogar e cuidado de persoas maiores. De xeito inminente, tamén convocará prazas para atender as piscinas municipais.

Te puede interesar