O RIBEIRO

Felicísimo Pereira continuará á fronte do Consello Regulador

<p></p>
photo_camera Felicísimo Pereira, sentado na cadeira presidencial do Consello, despois da sesión.

O Pleno da institución pediulle que seguira na presidencia ata que a Xunta convoque eleccións

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro acordou onte dar o maioritario visto bó á continuidade de Felicísimo Pereira Freijido na presidencia ata que o novo goberno da Xunta convoque eleccións neste organismo. Foron os propios vogais os que pediron a Pereira que se mantivese de xeito interino no cargo, no decurso do debate levado a cabo na sesión extraordinaria que se desenvolveu ó longo da mañá na sede do Consello, na vila de Ribadavia.

Ó remate do pleno, Felicísimo Pereira manifestou que "asumo continuar de presidente coa responsabilidade e profesionalidade que me outorga o cargo, e a fin de que non se produza un baleiro agora que a Denominación de Orixe está a pasar por un momento moi bó". Tamén apuntou que "estarei aquí ata que se convoquen eleccións por parte da Xunta ós consellos reguladores, que penso será dentro duns catro ou cinco meses". Ó respecto, engadiu que "non é nada bó pola súa operatividade que a Administración manteña a interinidade nas presidencias destes organismos". Pereira, fora elexido titular do Consello no mes de febreiro tra-la dimisión do seu antecesor, Miguel Ángel Viso, ó acceder este ó posto de deputado do PP por Ourense nas Cortes Xerais. Nembargantes, e tal como xa adiantara, presentou a súa dimisión a pasada semana por motivos laborais, xa que, como colleiteiro,non podería desenvolver con normalidade no seu negocio con vistas a vindeira vendima.

Unha das premisas das que parte o máximo responsable da Denominación Ribeiro é a de "buscar o consenso entre tódolos sectores implicados no tema do viño", e, neste sentido, propuxo no pleno de onte a constitución dunha comisión permanente de traballo e de apoio á presidencia.

Ademais, tamén avogou pola creación dun grupo de traballo representativo de adegueiros, productores e personal do departamento técnico do Consello para preparar e coordenar a vindeira campaña da vendima.

Pola súa banda, a xerente do Consello, Cristina Alcalá, destacou o clima de consenso que detectou na sesión plenaria, "o cal amosa boa sintonía entre tódolos sectores, e que non hai a crise nin falla de estabilidade no seno da Denominación Ribeiro".

Te puede interesar