CULTURA - FORMACIÓN

A futura escola de teatro contará co apoio do Concello de Ribadavia

<p></p>
photo_camera Representación teatral da última Mostra celebrada na capital ribadaviense.

O goberno local axudará económicamente ó grupo Teatro do Vilar na súa promoción exterior

O equipo municipal de goberno de Ribadavia respaldará a futura creación dunha escola de teatro e apoiará ó grupo afecionado Teatro do Vilar a fin de consolidar a súa traxectoria no mundo da escea. Neste sentido, o Concello habilitará nos orzamentos do vindeiro ano unha partida económica específica de axuda á compañía teatral, que xa superou os 20 anos de andaina na capital do Ribeiro.

"Cremos que hai unha reivindicación xusta por parte dos membros da agrupación teatral, que se senten discriminados, e con razón, respecto doutras asociacións de Ribadavia", subliña o concelleiro de Economía, Javier Iglesias. Ó respecto, o edil lembra que colectivos como a Fundación Festa da Istoria, A Lira, Noite Meiga ou Arteficial, entre outros, reciben subvencións nominais das arcas municipais, "mentres o grupo de teatro nunca as tivo".

Así, un convenio entre Concello e Teatro do Vilar permitirá o deseño de programas de intercambio con agrupacións afecionadas doutras vilas e cidades nas que o grupo ribadaviense se despraza para facer representacións, de xeito que aquélas tamén poidan escenificar as súas montaxes en Ribadavia.

Asemade, tamén se contempla a creación dunha escola estable de teatro, coas actrices e actores do Teatro do Vilar como base, e, deste xeito, fomentar o ensino dramático entre os máis xóvenes. Esta iniciativa, que xa foi aprobada por unanimidade nunha sesión plenaria da Corporación, "deberá nacer como integrada na Mostra Internacional de Teatro e cun orzamento para o que é preciso máis apoio e implicación doutras institucións", apunta Javier Iglesias. Sobre todo, tendo en conta que Teatro do Vilar é, tódolos anos, o encargado de levantar o telón na sesión previa da Mostra ribadaviense.

Te puede interesar