Os grupos políticos de Castrelo consensúan os proxectos do fondo estatal de inversións

A unanimidade reinou na sesión plenaria que celebrou a Corporación municipal de Castrelo de Miño para a aprobación dos proxectos que serán executados con cargo ó Fondo estatal de inversións, e que importan un total de 353.446 euros. Neste sentido, o alcalde, Xurxo Rodríguez, do BNG, sinalou que ‘antes da convocatoria do pleno mantivemos ata tres xuntanzas cos dous grupos políticos do PP e do PSOE, a fin de chegar a un acordo de consenso sobre as obras’.
No paquete remitido ó Goberno central, destacan os traballos de mellora dos contornos do cruceiro de Macendo e das prazas de Astariz e Prado de Miño, cun investimento global de 151.095 euros, que se completan con outros 21.920 euros para arranxos de muros de contención en diferentes viais de titularidade municipal. Asimesmo, a Corporación de Castrelo deu o visto bó á extensión da cobertura da Televisión dixital (TDT), con 41.600 euros, e á dotación dunha rede de telefonía sen fíos (Wimax) nas parroquias que aínda non a teñen a súa disposición, cun orzamento de 44.180 euros.

Alumeado

Ademais, os tres grupos políticos tamén acordaron destinar unha partida de 38.448 euros para a rehabilitación de fontes e lavadoiros públicos nas localidades de Souto, Troncoso, Parada e Ramiras, e outra de 56.300 euros co obxectivo de executar traballos de xestión e reducción do gasto enerxético no sistema de alumeado público. Cabe lembrar que o nacionalista Xurxo Rodríguez goberna en minoría con tres concelleiros, fronte a outros tres socialistas e cinco ‘populares’.


Te puede interesar