O Consello Regulador emitiu un 20% de etiquetas máis cá no 2009

Os licores e augardentes galegos abren mercados

Evaristo Rodríguez, Emilio Vidal e Argimiro Levoso, na cata celebrada na Cooperativa. (Foto: MARCOS ATRIO)
Os destilados de augardente de bagazo, licor e augardente de herbas e licor café autóctonos están a gañar postos no mercado, pero a súa marca de calidade aínda non é suficientemente coñecida. Por iso, as adegas amparadas polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia promoveron o pasado ano a campaña 'Os únicos con espírito galego', co obxectivo dunha mellor difusión dos productos que teñen garantida a súa orixe, calidade e salubridade.
Así, os productores están a aplicar novos sistemas de destilación que substitúen ós antigos de lume directo como son a alquitara e o alambique. O presidente do Consello, Evaristo Rodríguez, explicou onte na destilería que posúe 'Adegas Moure' na localidade de Escairón, no concello lugués de Saviñao, que 'somos os sucesores dos poteiros artesáns, pero utilizamos a técnica de arrastre de vapor de auga, que se xenera nunha caldeira e penetra á baixa presión e altas temperaturas sobre a masa de bagazo, provocando a vaporización dos compostos volátiles'.

Os equipos constan dunha caldeira, dous ou máis calderíns basculantes, duns 200 litros de capacidade e provistos de tapas herméticas para deposita-lo bagazo; un condensador de refrixeración con auga e unha saída con termómetro e un medidor de alcohol para controlar a graduación. Un sistema similar ó que tamén utiliza a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro, onde ó mediodía de onte desenvolveuse unha cata de augardentes e licores comentada polo enólogo da adega, Emilio Vidal.

O seu xerente, Argimiro Levoso, apuntou que 'nunha enquisa que encargamos hai dous anos, comprobamos que máis do 60% da augardente que se consume é caseiro, e por iso hai que desterrar o mito de que os licores feitos na casa son os mellores'.


COMERCIALIZACIÓN

Neste sentido, lembrou o camiño andado coa introducción no mercado dos viños amparados polas denominacións de orixe, 'cando antes tamén se pensaba que era mellor o que non tiña etiqueta'. Mentres, estase a notar certa suba no consumo, xa que o derradeiro informe do Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais reflexa que no 2010 emitiu un total de 424.501 contraetiquetas, cantidade que supón un incremento do 20,3 % con respecto ó ano anterior, no que se calificaron 352.840 botellas por parte de 75 empresas comercializadoras. En canto ó número de litros, tamén se apreciou no último ano unha porcentaxe do 8,5% máis sobre o promedio dos tres últimos exercicios económicos (2007, 2008 e 2009), cun total de 288.255 litros. A producción de augardente de bagazo, con 138.236 litros, incrementouse un 11,8% fronte ises tres anos, mentres o licor de herbas, con 106.544, e o licor café, con 38.475 litros, son outros dos productos máis distribuidos.

Te puede interesar