A banda de música La Lira de Ribadavia acadou o primeiro premio no certame galego celebrado no Auditorio de Santiago de Compostela. Iste galardón supón a recuperación dun colectivo fundado no século XIX.

'La Lira' acada boa nota

Concerto da banda La Lira en el Auditorio municipal de Ourense.
Falar de 'La Lira' é remontarse a unha traxectoria de moitos anos de historia e tamén referirse a un colectivo emblemático en Galicia. Os primeiros documentos desta agrupación musical de Ribadavia datan do ano 1840, é dicir, que son perto de dous séculos os que levan percorrendo festas e romarías os seus músicos, converténdose así na decana das bandas populares galegas.
Dende o mestre italiano Veneroni, pasaron pola súa dirección prestixiosos profesores coma Freijido, Sánchez, Campo, Veiga, Fernández Amor e Luis Brage, ata mediados do século pasado. A batuta sería recollida por Espinosa, Orovio, Vázquez Gregorio, Salvatierra, Domínguez Cid e Presa Carrera, ata chegar a López Vázquez, o seu responsable actual.

Entre os diferentes galardóns obtidos por La Lira destacan os primeiros premios nos certames de Villafranca del Bierzo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Oviedo e León. Máis recentemente, a agrupación musical acadou o cuarto posto no XII Certame Internacional de Bandas de Música 'Villa de Aranda' e, o pasado sábado 26 de novembro, o primeiro premio na quinta edición do Certame Galego de Bandas, correspondente á sección terceira, reservada para as de menos de 50 compoñentes.


INVESTIMENTO

O colectivo ribadaviense recibiu 1.500 euros, unha cantidade que servirá para facer fronte ás necesidades dos seus 48 integrantes, dos cales tan só queda un veterano, Luis Costa, natural do municipio de Beade, que tamén fai tarefas de axuda ó director cos máis xóvenes. Neste ano, tiveron que levar a cabo un forte investimento en instrumentos, chegando a un gasto de 12.000 euros en tubas e percusión, según comenta o propio Juan Carlos López. Istes cartos non saíron de ningunha subvención, senón que foron sufragados polos músicos e unha axuda da Asociación de Amigos de La Lira.

Todo elo, para adaptarse ós novos tempos, onde as partituras de corte moderno deixan atrás as zarzuelas e os pasodobres. 'Precísanse elementos de percusión coma xilófonos, vibráfonos e timbales nas melodías que se poñen de moda a nivel de bandas', apunta o director. Asemade, a busca dunha mellor armonía e perfección tamén implica máis compenetración, de xeito que os músicos da La Lira ensaian ata tres veces por semana para manter a súa historia secular.

Te puede interesar