Oito localidades de Ribadavia xa contan con nova iluminación

O Concello acomete un proxecto integral de eficiencia enerxética por importe de 729.670 euros

O Concello de Ribadavia puxo en marcha a mediados do pasado mes de xaneiro as obras de eficiencia enerxética que abarca a todo o municipio, incluíndo as localidades do rural. Así, esta semana completouse a instalación nos núcleos das Chabolas, A Groba, Santo André e Esposende. En Ventosela, Valdepereira, Sanín e Prexigueiro tamén se realizaron as melloras, quedando pendentes tan só a instalación das farolas ornamentais.  

A intervención continuará cara Santa Cristina, A Quinza e á Franqueirán, estimando os responsables municipais, que os traballos comezarán na próxima semana. 

Este proxecto conta cun investimento de 729.670 euros, que chega a través do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, gracias ao cal o Concello de Ribadavia procederá á renovación do alumeado público exterior en todo o municipio, actuando en 1.725 dos 2.055 puntos de luz existentes, o que supón a renovación de máis do 70% das luminarias que aínda estaban sen modernizar. 

Inclúe cambio a led de todas as luminarias en todas as parroquias e núcleos, así como na vila de Ribadavia. Estas novas luminarias son máis rendibles e eficientes, supón un maior aforro enerxético e económico,  incluíndo ademais cadros de mando dixitais controlables desde a central. Supoñendo unha mellora xeral en todo o servizo.

“Este proxecto de eficiencia enerxética supón a mellora das luminarias de todo o municipio, e implica tamén un incremento de aforro económico e de respecto ao medio ambiente”, sinalan as autoridades locais. Como unha mellora a maiores do proxecto, o Concello negociou coa adxudicataria a iluminación do paseo do río Avia, incluíndo a área da Veronza.

Te puede interesar