Maxia, teatro e a música trasládanse a Castrelo de Miño

Os espectáculos de Camiños de Cultura chegan a Castrelo de Miño con maxia, teatro, música e humor, nun programa que se trasladará a todas as parroquias e pensado para todas as idades, que arrancou o pasado sábado en Macendo.
Son un total de cinco espectáculos que están cofinanciados polo propio Concello de Castrelo de Miño e Agadic (Asociación Galega das Industrias Culturais) en representación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Desta maneira, despois da primeira actuación de maxia en Macendo, o 16 de xullo, en Astariz, a rapeira viguesa AID dará un concerto acompañada por unha exhibición de grafiti e break dance, achegando estas mostras de cultura urbana á xuventude de Castrelo.

Xa no mes de agosto volverá a maxia. Será o sábado día 13 no Parque Náutico, da man do mago Román García e o seu espectáculo 'Nanomaxias'.

E unha semana despois, o 20 de agosto, 'O Turista Madrileño' visitará Prado de Miño. Esta personaxe do monologuista e actor Evaristo Calvo, presentará un espectáculo de humor dirixido a todos os veciños do municipio.

Pechará o ciclo 'DinamoTeatro', o 3 de setembro, na localidade de Barral, cunha obra de teatro adicada aos máis cativos. 'Contos vellos, novos finais' é o título da montaxe, onde os contos tradicionais se transforman en exemplos de igualdade.

Te puede interesar