Melloras na estrada OU-193 ao seu paso por Cortegada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a realizar traballos de mellora do firme na estrada OU-193, ao seu paso polo municipio de Cortegada, cun investimento de arredor de 200.000 euros. A actuación estase a facer mediante regas asfálticas dende o inicio desta estrada autonómica e ao longo dun treito de preto de 5 quilómetros, ata o quilómetro 4,640.

As obras de reforma neste tramo lévanse a cabo con medios da conservación de estradas que posúe este departamento da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, e teñen unha duración estimada de 10 días, polo que con toda seguridade estarán rematadas a comezos do vindeiro mes de agosto.

Esta intervención súmase a outras impulsadas pola Xunta neste concello, como a beirarrúa executada recentemente na zona do Casal, tamén na estrada OU-193, e na que se investiron máis de 48.000 euros. Ademáis, a Consellería de Infraestruturas vai levar a cabo no presente ano o reforzo do firme na estrada OU-801, cun orzamento de investimento previsto de algo máis de 150.000euros, un proxecto que ten coma obxectivo o acondicionamento desta vía que comunica a capital do Ribeiro, Ribadavia, co límite da provincia de Pontevedra.

Fontes da Xunta indican que se seguirá traballando na mellora da rede viaria, para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Te puede interesar