O RIBEIRO

A MIT coproducirá o texto teatral premiado no 2015

Estrearase entre o 15 e o 24 de xullo durante a 32ª Mostra de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), que terá lugar entre o 15 e o 24 do vindeiro xullo, xa conta co primeiro proxecto para esta 32ª edición de 2016, que consiste nunha coprodución entre a MIT, Eme2 e ButacaZero. A autora, Esther Carrodeguas, ganadora do X Premio Abrente de Textos Teatrais, presentou en Santiago de Compostela, acompañada polo director da MIT, Roberto Pascual, o espectáculo Voaxa e Carmín.

Apoiada por un kamishibai xaponés (unha forma de contar historias orixinaria dos templos budistas), do que parte o deseño escenográfico do espectáculo, a dramaturga de Rianxo, que conseguiu o galardón na MIT 2015 ao mellor texto no Abrente, expuxo as liñas xerais de Voaxa e Carmín, cuxos persoaxes Maruxa e Coralia serán interpretados polas actrices Mabel Rivera (Premio Goya 2005) e Belén Constenla (Premio María Casares 1998, 2000 e 2010). Coñecidas como "As Marías" de Santiago de Compostela, estas mulleres saían cada día, durante os anos 50 e 60, ás dúas en punto para dar o seu paseo pola cidade, vestidas e maquilladas de xeito estrafalario, contrastando co gris da cidade. Son moitas as persoas que día a día se fotografían coa estatua que as representa na Alameda de Santiago e esta montaxe aborda a súa historia.

Esta coprodución poderase ver en xullo, na 32ªMIT, antes de iniciar a xira por toda Galicia.

Os responsables da Mostra Internacional de Teatro tamén anuncian que o texto publicarase en xaneiro, na colección Abrente de Teatro da editorial Difusora, grazas ao apoio de Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

Te puede interesar