MIT

A Mostra ribadaviense aposta polo novo circo e o teatro físico

mit ribadavia
photo_camera Rosendo Fernández, Roberto Pascual, César Fernández e González Afonso.

Ribadavia será do 18 ao 27 de xullo o lugar de encontro de espectáculos nacionais e internacionais

A MIT (Mostra Internacional de Teatro) de Ribadavia celebra do 18 ao 27 de xullo os 35 anos nun momento de plenitude e gran proxección social. Ofrece un ambicioso programa con coproducións coa escena galega, estreas internacionais no país e un conxunto de actividades diversas ao redor da creación e da difusión.

O teatro documento, o teatro físico, o novo circo e a construción da identidadeson liñas fortes neste 2019. Así, aposta polos creadores galegos como Chévere ou Federico Pérez, Santi Romay, Evaristo Calvo ou Iria Pinheiro, "grandes intérpretes do noso audiovisual e do teatro, con Larratiz, con Voadora, Sincronacidas ou con Pistacatro", sinala a organización. 

Dentro do programa tamén destaca Teatro línea de sombra, de México, que presenta unha peza referente de teatro documento (liña forte desta edición) cun tema moi actual: as migracións e os conflitos na fronteira entre os Estados Unidos e México.

A inauguración correrá a cargo da compañía arxentina Un poyo Rojo, cun espectáculo aclamado polo público e que se poderá ver este verán en Ribadavia, no festival de Edimburgo, na Bienal de Venecia ou no festival de Almada. Tamén estará o premiado espectáculo inTarsi, da compañía de circo “eia”. A clausura do festival será o día 27 de xullo, cun espectáculo festivo de Voadora.

Ao lado de estreas, a MIT presenta espectáculos premiados e recoñecidos como A.K.A. que chega de Barcelona; Mulïer, dos valencianos Maduixa; e Jauría, estrea en Galicia protagonizado pola actriz María Hervás, entre outros moitos que forman a programación.

A súa presentación asistieron César Fernández Gil, alcalde de Ribadavia; Emilio González Afonso, subdelegado do Goberno; Rosendo Luís  Fernández, vicepresidente da Deputación, e Roberto Pascual, director artístico da MIT. Este venres tamén haberá un acto aberto en Ribadavia, ás 21, 00 horas, na Casa da Cultura, e coa representación de Invisibles, de Redrum Teatro.

Te puede interesar