Provincia

A Mostra de Teatro convoca o Premio “Abrente” de textos

Os organizadores da MIT pretenden con este certame fomentar a creación dramática en lingua galega

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia convoca a 16ª edición do Premio "Abrente" de Textos Teatrais. As bases do certame xa foron aprobadas polo pleno e todas as persoas que desexen presentar obra orixinal e inédita en lingua galega, poderán facelo ata o día 18 do próximo mes de xuño.

Os obxectivos principais deste consolidado premio son fomentar a creación dramática contemporánea en lingua galega e favorecer a diversidade de estilos e estímulos da creación escénica galega contemporánea. En sintonía co propio festival de teatro, o Premio Abrente pretende ser unha plataforma estable e dinámica para a dramaturxia galega. 

Nese sentido, seguirá despregando a súa influencia en colaboracións con colectivos e asociacións de referencia no seu obxectivo de fomento da dramaturxia en galego, como a Asociación DramatuGA.

O Abrente ten unha dotación de 3.500 euros, e tamén a edición da obra e o apoio do festival a través das súas coproducións. 

Os textos deben presentarse por triplicado e garantindo o anonimato do seu autor ou autora, segundo sinalan os organizadores da Mostra Internacional de Teatro. 

Todos os detalles do procedemento da convocatoria do certame poden consultarse na sección web da MIT: mitribadavia.gal/premio-abrente.

Te puede interesar