O director do festival, Roberto Pascual, suliña: 'Demóstrase que o pobo demanda cultura'

A Mostra de Teatro resiste a crise con 9.000 espectadores

As representacións de 'Arrieiros', na parroquia de Francelos, e de 'Delicadas', no auditorio do Castelo, clausuraron, respectivamente, na tarde e noite de onte, a edición número 28 da Mostra Internaciona de Teatro (MIT) de Ribadavia. Aínda que os datos totais sobre participación e venda de entradas dependía do balance destes dous últimos espectáculos, o director do festival, Roberto Pascual, indicou que 'ata a xornada do sábado, superamos os 9.000 asistentes tanto nas sesións de pago coma nas desenroladas nos espazos públicos da vila e das localidades do rural, e cecais ó final rondemos os 10.000'.
Unhas cifras que 'reflexan, iste ano aínda máis, que o festival resiste o tsunami dos recortes, que motivaron a suspensión doutras mostras e o peche de salas de exhibición', suliña Pascual. Deste xeito, a organización da MIT considera que istes datos 'alentadores' non son máis que 'a consecuencia dunha boa xestión, apoiada pola axuda dos voluntarios, o persoal de montaxe e, sobre todo, do propio público'.


BENEFICIO

Neste sentido, Roberto Pascual apunta que 'istes resultados demóstranlles ós políticos que a cultura é necesaria e segue a ter unha demanda moi alta, e é moi triste que alguns deles só veña para saír na foto'. Ademais, ós espectadores que acuden ó festival dende outros puntos de Galicia ou de fóra dela, que son maioritarios nunha porcentaxe do 80%, 'chegan a Ribadavia e teñen que gastar, aínda que pouco na entrada, no seu xantar o u cea, é dicir, que sempre hai un beneficio que repercute nos sectores comerciais e hosteleiros do municipio', afirma do director da MIT.

Os organizadores tamén estaban pendentes dos resultados da votación do público ó mellor espectáculo, á falta da última sesión de onte, que rematou de madrugada. A compañía que resulte gañadora en virtude da elección dos espectadores, ten a opción de voltar na vindeira edición da Mostra cunha nova montaxe, xa que se lle garantiza o contrato.

Roberto Pascual tamén agradeceu a colaboración amosada polos veciños das parroquias do rural á hora das actuacións.

Te puede interesar