OFRENDA

A ofrenda á Virxe do Portal abre as festas en Ribadavia

O alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, será o encargado de dar lectura da ofrenda á patrona como representante dos municipios da comarca.

A capital do Ribeiro inicia as festas na honra da súa patrona, a Virxe do Portal, cun amplo programa de actividades que se abre hoxe, ás 10,00 horas, coa recepción dos alcaldes da comarca na Casa do Concello e un pasarrúas a cargo da banda de música La Lira. A continuación, unha tirada de fogo anunciará o comezo da procesión da Virxe do Portal, á que seguirá unha misa solemne na igrexa de Santo Domingo, cantada pola coral Ecos do Avia. No decurso deste oficio litúrxico, o alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, será o encargado de dar lectura da ofrenda á patrona como representante dos municipios da comarca.

A xornada vespertina incluirá a primeira edición do "Torneo de minibalonmán na rúa", que se disputa dende as 16,00 horas no recinto da Alameda, mentres na Praza Maior celebrarase, dúas horas máis tarde, un festival infantil a cargo do DJ Tibu. Outra actividade, neste caso deportiva, terá lugar dende as 19,30 horas no campo do Xestal, cun campionato de fútbol no que se enfrontarán os equipos Ribadavia, Francelos e Leiro. O auditorio do Castelo acollerá o apartado  de concertos da banda La Lira, ás oito da tarde, e do Odaiko Percusion Group,  ás once da noite.

Os festexos de Ribadavia ,que se prolongarán ata o sábado, inclúen mañá, venres, ó mediodía, un desfile de xigantes e cabezóns, mentres na igrexa de Santo Domingo oficiarase, ás 18,30 horas, una misa cantada pola coral do Club Artístico. Ó remate deste acto, procederase ó traslado da Virxe do Portal ata a súa capela, co acompañamento da banda de música  de Santa Cruz de Ribadulla.

Te puede interesar